Chuvia, instrucións de uso

29/1/17


Por Xosé Manuel Pereiro.


Unha das características do ser humano é a capacidade de interpretación dos cambios que experimenta o seu entorno, e a súa adaptación a eles. Nas últimas horas, coñecemos un curioso fenómeno, a caída de auga desde as alturas de forma fragmentaria pero intensa, ou con intensidades variables, pero nunca o bastante consistente como para poder aventurar que había alguén nunha improbable altura que a estivese botando a baldes ou mediante outro sistema similar. Segundo os vellos do lugar, eses seres míticos de referencia no xénero informativo meteorolóxico, o fenómeno chámase "chuvia" e era moi frecuente en Galicia. Moito máis incluso do que a moita xente quería. O compromiso de servizo público que caracteriza a esta casa e a esta firma impéleme a facilitar a informar básica de urxencia para afrontar a novidade esta.

O primeiro é que, contra o que aseguran algúns rumores completamente infundados, quedar exposto ao fenómeno chuvia non implica encoller, derreterse ou calquera outra alteración molecular significativa, aínda que, efectivamente, mollar, molla. E canto máis exposto se permaneza sen protección axeitada, máis molladura. Ao contrario do que pasa co sol, neste caso non hai axuda farmacolóxica ou cosmetolóxica da que botar man, e os únicos métodos cunha efectividade apreciable, sen ser cento por cento seguros nin, desde logo, cómodos, son prendas como chuvasqueiros e artefactos como os chamados paraugas. Estes últimos son obxectos de artesanía africana, semellantes aos parasoles da praia ou das terrazas de bar, pero portátiles -nalgúns modelos mesmo plegables-. Se precisa un e non encontra ningún vendedor na rúa, sempre se poden obter nos paraugueiros dos bares.

A chuvia é un fenómeno relativamente descoñecido, ata o punto de que un home estudiado como o pasado, presente e posiblemente futuro presidente do Goberno, Mariano Rajoy, ten expresado publicamente a súa ignorancia das causas que o producen. Non obstante, coa chuvia, igual que pasaba cos coches e pasa cos ordenadores, descoñecer por que funcionan non impide saber para que sirve. A auga caída do ceo, tal e como anunciou Rajoy, está demostrado que é moi avogosa para baixar os recibos da luz, naqueles casos nos que inchan de forma aínda máis desmesurada. Hai quen usa a auga de chuvia para mollar o recibo e facer emplastos, e quen a ferve cunha folla de loureiro e logo asperxe con ela o contador. Polo sur de Lugo mesturan unha parte de chuvia con nove de augardente quente e bébena dun saque cada vez que vén a conta. A cadaquén vaille o seu sistema.



Hai alambicadas teorías sobre que a chuvia esa ten a súa orixe na condensación do vapor de auga que hai nas nubes, e tamén quen asegura que esas hipóteses non son máis que argalladas para ocultar a verdadeira natureza do fenómeno: é cousa dos anxos. O pis, segundo a versión máis benévola, ou as lágrimas de tanto que choran polos pecados que aquí se cometen (polo menos esa foi a que me explicaron a min de neno). Hai outra, propia de xente atravesada, que di que en realidade non é que chova, senón que mexan por nós. Pero iso non ten ningunha base, porque de ser así non levariamos tanto tempo de seca.


Publicado en www.laopinioncoruna.es

Ligazón permanente

0 comentarios :

Publicar un comentario